Sunday 12 de May de 2024

O Obradoiro de Emprego acondiciona espazos naturais e de lecer de Boqueixón


O alumnado optimizou o acceso á fervenza do río Pontillón, un dos puntos de interese turístico do municipio

O Obradoiro de Emprego Boqueixón, O Pino, Touro e Vedra avanza na execución dos traballos previstos nos catro Concellos participantes. No tocante ao municipio boqueixonés, xa se levaron a cabo varias actuacións de mellora dos espazos naturais e de lecer.

Así, o alumnado do Obradoiro de Emprego vén de completar o acondicionamento do sendeiro que leva á emblemática fervenza do río Pontillón. “Con estes traballos, contribúese a mellorar a accesibilidade a un enclave natural de referencia dentro de Boqueixón, favorecendo, deste xeito, a afluencia de visitantes”, explica o alcalde, Manuel Fernández Munín.

O rexedor tamén salientou as melloras levadas a cabo na contorna da Escola Unitaria e no Campo da festa da parroquia de Codeso e tamén na área recreativa de Orto. Os traballos consistiron, principalmente na poda e roza de todos estes espazos.

Nos vindeiros meses, levaranse a cabo os labores de poda e melloras na vexetación do Pico Sacro. Ademais, realizaranse desbroces nos camiños de Noente-Ledesma, PazosLestedo, Castro-Oural, Santaia-Codeso e Santaia-Vigo.

O Obradoiro de Emprego Boqueixón, O Pino, Touro e Vedra 2020-2021 conta cun total de 20 persoas participantes -5 por Concello-, que cursan as especialidades de Actividades auxiliares en conservación e mellora de montes e Repoboacións forestais e tratamentos silvícolas. O proxecto está financiado
pola Consellería de Economía, Emprego e Industria e conta cun orzamento de
preto de 350.000 euros e finalizará no mes de setembro.